
Parece que finalmente os
esforzos por reclamar unha mellor conexión a Internet para o centro poden dar os seus froitos.
É esta, a pobre conexión a Internet, unha das carencias estruturais do IES Leliadoura, problema que se foi agravando a medida que foi crecendo o equipamento informático do centro e se foi xeralizando o uso das TIC como ferramenta docente. E é que unha conexión de 4 Mbps para un centro con case 400 ordenadores é claramente insuficiente. Para que vos fagades unha idea, hoxe en día calquera particular que viva no casco urbano de Ribeira pode contratar, só para o seu domicilio, unha conexión básica cunha velocidade de 20 Mbps.
Foi xa no pasado mes de marzo cando subimos ao tellado do centro cun par de técnicos enviados pola Consellería para facer un estudo de viabilidade dun
enlace IP-OFDM, é dicir, para ver se era posible realizar unha conexión inalámbrica con algún outro organismo público situado no casco urbano de Ribeira, a través do cal se puidera mellorar a nosa conexión.
Finalmente a semana pasada, o asesor Abalar da zona e a
Unidade de Atención a Centros (UAC) confirmaron que este enlace era posible desde as instalacións da Policía Local de Ribeira. Esta nova conexión substituiría a actual de 4Mbps por un enlace inalámbrico de ata 15Mpbs, o que segue sendo bastante precario pero que sen dúbida mellorará a conectividade do centro.
Actualmente, a implantación deste novo sistema está pendente da concesión do correspondente permiso por parte do
Concello de Riveira, permiso que xa foi solicitado pola Consellería o pasado 27 de maio.
Agardamos que este derradeiro trámite administrativo non se dilate no tempo e poidamos disfrutar canto antes desta mellora largo tempo agardada.